Wednesday 08 de May de 2024

Preto de 300 padexeiros/as participaron hoxe na III Ocean Race Cidade da Coruña


A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, asistiu esta mañá á regata, que contou “cun percorrido que nos deixou imaxes ben fermosas” da cidade e que gozou da presenza de dous olímpicos como son Carlos Pérez Rial e Óscar Carrera

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, asistiu esta mañá á “III Ocean Race Cidade da Coruña”, que desenvolveu en augas coruñesas e contou con preto de 300 padexeiros/as. A competición contou “cun percorrido que nos deixou imaxes ben fermosas” xa que A Coruña, dixo a edila, “é unha cidade perfecta para realizar deportes náuticos”. Martínez asegurou que “é un orgullo para este concello organizar un evento de tanta relevancia tendo en conta a importancia do piragüismo en Galicia, o deporte con máis medallas olímpicas de todas as disciplinas”, e sinalou que hoxe “puidemos gozar coa presenza de dous
olímpicos como son Carlos Pérez Rial, campión en Pequín, e Óscar Carrera, olímpico en Río de Janeiro, así como varios padexeiros/as con importantes palmarés deportivos como é o caso de Elena Torreiro e Carlos Arévalo”.
A concelleira tamén salientou, na busca de lle dar máis visibilidade ao deporte feminino, a importancia das mulleres “neste evento no que participan no órgano directivo Araceli Menduiña, vicepresidenta da federación, e a propia Adelaida López, quen tamén é a delegada provincial da federación na Coruña.